viernes, junio 15, 2007

Deshumanizámonos?



Chego a "la capital del Estado español".

Busco o xeito de entrar na serpeante cobra subterranea á que alí lle chaman metro para viaxar nas súas vísceras cara o meu destino. O primeiro que vexo que me chama a atención en Madrid, é un grupiño de catro gardas de seguridade (dous deles cos guantes de coiro postos por se hai que repartir algo máis que amor) acompañando unha pandilla de rapaces que parecían sudaméricanos. Os seguretas usan todo tipo de cariñosas loanzas para animar ós rapaciños a abandoar o submundo: caricias nas costas, masaxes no pescozo coas súas finas mans enfundadas en pel, doces verbas de comprensión e frecuentes apertas, and I think to myself What a wonderful World!!

Penso que esas criaturas que se fan chamar gardas de seguridade (que nome tan bonito, verdade?), xente que se adica a coidar da seguridade dos máis, o que pretenden é empuxar a banda de rapaciños a abandoar o mundo das sombras de Platón e a coñecer o mundo da luz e das ideas de primeira man, primeira man a dereita e despois a esquerda (é dicir, o típico 1-2 de boxeo). Que tremendos instructores!!, extráname que eses rapaciños sexan capaces de abandoalos, por moi tentador que sexa o mundo das ideas, pois esas caricias e aloumiños que lles dan ... and I think to myself What a wonderful World!!

Cando miro darredor, doume conta que fun o único que se quedou parado mirando o espectáculo. E que aquí ninguén se dá conta do maravilloso fenómeno que acaba de suceder?, ninguén ve a magnífica tutelaxe que acaban de realizar eses catro gardas da nosa preciada seguridade???

Entendo que son un paleto, que este mundo se me queda grande, e poño un pé na cinta transportadora que me pon en marcha sen necesidade de moverme. Trais un par de preguntas abordo da serpe terrestre, acerto a baixarme na parada chamada "Nuevos Ministerios", a cal me fai pensar en que ministro será o que ten competencias sobre seguridade cidadán, e trais pensar nun par de posíbeis candidatos dígome que dá igual, and I think to myself What a wonderful World!!

Collo a liña seis, e apéome na parada de Moncloa. Agora si, venme á memoria aquel filósofo que escribiu un libro moi instructivo para as prácticas dictatoriais da maioría absoluta que se titulaba "Como gobernar en contra de la voluntad del pueblo"...

Saio pola rúa que me interesaba case sen pretendelo, e cando me poño a andar cara o sitio no que teño que repousar, atópome cun grupo duns 15 rapaces metade a cada banda da beirarrúa, que lle asubían e animan dun xeito moi cortés e educado a tódalas mulleres de curta idea que pasan, rodéannas dun xeito moi amistoso, saúdannas, fanlles loubas e agasallos en forma de asubíos, e trais retelas rodeadas durante un pequeno espazo de tempo, deixannas ir cun sorriso na cara. É evidente que elas disfrutan de tales gratuitos presentes, and I think to myself What a wonderful World!!

Ó día seguinte, volto cara o aeroporto, agora cun peso menos na cabeza, como se me quitaran un litro de chumbo dela, e con moito tempo até pillar o meu flamante jet, párome a pensar neste mundo tan bonito que construimos entre todos, neste mundo que cada un constrúe ó seu xeito. Penso en como nestas magníficas cidades, cada persoa se atopa con miles de persoas descoñecidas cada día. Penso en como cada persoa pasa olímpicamente dos problemas desas persoas que se atopa cada día. Penso en como a inmensa maioría deses miles de persoas non fai sociedade senón individuo. Penso en como cada persoa se cultiva a si mesma e deixa a educación cívica para os amables "gardas de seguridade", eses si que saben o que hai que facer!!!. Penso en como se rompen os lazos entre os seres sociais que un día fumos, en como ante unha situación inhumana tendemos a non inmutarnos, a considerar que é normal e a pensar "que se lle vai facer!!, iso pasa tódolos días e o mundo segue". Penso en que nos deshumanizamos, en que nos dá igual e en que nada pretendemos senón en delegar os nosos problemas en cargos políticos de partidos nos que a inmensa maioría da poboación non participa e nos que, polo tanto, non ten nen a máis mínima capacidade de aportación nen de decisión.

Penso en definitiva, que neste mundo compartido por todos nós, cada un vive no seu mundo. E se ben é certo que son os casos particulares, os mundos de cada persoa, os que fan o conxunto do mundo no que vivimos, tamén é certo que os lazos entre os pequenos mundos nos que cada un vive, tenden a desaparecer, a manter só lazos con moi pouquiños mundos, e a dar accesos restrinxidos a aqueles que pasan previamente polos controis de seguridade impostos polo mundo común que nos creamos co noso individualismo.

Socializar a vida... que traballo tan desagradecido, e que preciso é...